CANAL DE PRÓXIMOS POLITÓLOGOS

jueves, 17 de enero de 2008

DEREITO A UNHA DOCENCIA DE CALIDADE*

Artigo 25: Do dereito a recibir ensinanzas teóricas e prácticas.
Os estudantes teñen dereito a coñecer con antelación que se estableza na normativa correspondente o programa de cada materia, incluíndo a bibliografía indispensable para preparala, que deberá ser supervisada polo departamento correspondente. O programa estará depositado no centro responsable da titulación.
O profesor deberá facer público ó comenzo do curso académico e no programa da asignatura os obxectivos docentes, a metodoloxía e os procedementos de avaliación e control dos coñecementos.
Os horarios de clases teóricas e prácticas dun mesmo grupo deberán ser compatibles ó longo do curso, non debendo ser modificados senón por causa de forza maior.
Artigo 26: Da simultaneidade de estudios.
Os estudantes que desexen iniciar estudios universitarios simultaneándoos con outros xa iniciados, poderán ser admitidos se existiran prazas vacantes e se cumpriran os requisitos establecidos na normativa de ordenación académica.
Artigo 27: Do dereito á avaliación
Os estudantes teñen dereito a seren avaliados obxectivamente nos seus coñecementos.
Os procedementos de cualificación deberán consistir nalgún ou varios dos seguintes:
Participación activa e individualizada nas actividades teóricas, seminarios, traballos levados a cabo ou prácticas programadas.
Exames parciais que, de existir, poderán ter carácter liberatorio.
Exames finais.
Outros medios obxectivos de avaliación da actividade académica.
No caso de estudantes con discapacidades, deberá facilitárselle-la realización de probas ou exames en condicións axeitadas ás súas capacidades.
Artigo 28: Dos exames
Tódolos estudantes matriculados nunha materia teñen dereito a realiza-los exames finais. Tamén poderán realizar os exames parciais que estiveran previstos cando reunan os requisitos fixados para participar neles. De cara á realización dos exames os estudiantes deberán identificarse, cando así o solicite o profesor encargado da súa avaliación.
Durante a realización das probas será obrigatoria a presencia do profesor que impartiu a materia, salvo causas xustificadas.
Os criterios de cualificación dos exames deberán darse a coñecer antes do seu inicio.
Os exames finais deberán ser realizados nas datas e na modalidade aprobada pola Xunta de Centro con anterioridade ó prazo de matrícula, non cabendo máis modificacións cás derivadas de causas de forza maior. No caso de que se alteren as datas, garantirase o dereito a exame evitando as incompatibilidades.
Os estudiantes teñen dereito, se o solicitan, a un xustificante documental de terse presentado á proba ou exame.
Artigo 29: Dos traballos de curso
A data de entrega dos traballos deberá establecerse no momento da súa proposta.
Artigo 30: Participación no control da calidade.
Os estudantes participarán na avaliación da actividade docente levada a cabo pola Universidade, mediante enquisas ou outros procedementos.
Tamén participarán na avaliación institucional da calidade de titulacións e servicios, xa sexa directamente, xa a través dos seus representantes.
Os resultados das enquisas serán tidos en conta polos órganos da Universidade.


*Estatuto do Estudantado da Universidade de Santiago de Compostela.

No hay comentarios:


 
Elegant de BlogMundi