CANAL DE PRÓXIMOS POLITÓLOGOS

miércoles, 16 de diciembre de 2009

Galegos fronte a Galicia

Benqueridos lectores, cos anos que teño e co que eu levo visto e escoitado, xa non debería abraiarme cada vez que son testemuña de algo que endexamais vin en ningunha parte do planeta e iso que son bastante viaxado. Pero non é así. Hai poucos días na sala de espera da consulta dun médico, un pai e unha filla nunha animada conversa, el fálalle á filla en galego, quen lle resposta en castelán. Nunha cafetería de Santiago, un matrimonio fala das súas cousas, ela o fai en castelán e o seu home en galego. Na gasolineira onde encho o depósito, a rapaza da caixa fala en galego co seu compañeiro; eu: «¿Me pode cobrar o do surtidor número catro?» Ela: «Sí señor, ahora mismito ¡Manolo, tráeme o cambio que xa non che teño moedas!, son cuarenta y siete con veinte ¿con tarjeta?».

No aeroporto de Barajas, unha señora maior diante de min na cola de embarque para Buenos Aires; ía pasar un tempo coa súa irmá que non vía dende nena. A azafata a para e dille: «Señora, este billete no vale, tiene una esquina rota y así no puede pasar»; a muller respóndelle insistentemente: «Neniña, a min déronmo así, eu non o rompín». A azafata, impasible, repítelle varias veces a mesma letanía. Interveño eu: «Señorita, la señora le quiere decir que el billete ya se lo dieron así en el mostrador». A azafata, que de seguro dominaba varias linguas, diríxese a min e me espeta: «Bueno, pero que otra vez se fije mejor». Cando pasamos, a nosa paisana me di: «¡Ai! o meu salvadoriño, ¡débolle a vida!»; despois, dime polo baixiño: «Arre demo con esta muller, parecía que xa non estabamos en España, mire que llelo repetín veces e non fixo caso ata que vostede llo dixo. ¡Ai, quen fora home!».

Para rematar, unha historia máis vella, aló polo máis profundo do franquismo. Meu pai, que era bilingüe, pois falaba ben as dúas, conversando cun cargo político do Concello de Ferrol, non sei por qué, xa que non era parvo, nun intre faloulle en galego, ao que o concelleiro, cortando de súpeto a conversa, espetoulle: «Agustín, hablo y comprendo perfectamente el español». Cando o meu pai comentou o suceso á mediodía na casa, eu, coa a inocencia dos moi poucos anos, pregunteille: «¿Papá, o galego non é español?». El só botou un sorriso. Anos despois entendino ben cando lin que na Coruña daquela época, había carteis que dicían: «No sea usted bruto: hable español».

Que cada quen saque as súas conclusións, eu haiche moito tempo que xa o fixen: os galegos somos vítimas da nosa propia culta ignorancia.

Isto é o que hai e así nos vai.

Victoriano Urgorri
Biólogo e Catedrático da USC

Fonte: La Voz de Galicia, 11.12.2009

No hay comentarios:


 
Elegant de BlogMundi