CANAL DE PRÓXIMOS POLITÓLOGOS

martes, 13 de enero de 2009

Tensións no BNG ante as Eleccións Galegas do 1 de marzo (I)

Encontro Irmandiño, no comunicado que reproducimos a continuación, critica o programa e as candidaturas que presentará o BNG de Quintana ás eleccións autonómicas.

"Ante a proposta de listas que se trae a este Consello Nacional, os membros do mesmo elixidos pola lista do Encontro Irmandiño na Asemblea Nacional de 2006, manifestamos o que segue:

Consideramos que as listas para as Autonómicas do 1 de Marzo non contemplan na súa composición a pluralidade existente no BNG, de feito na práctica todos aqueles que integramos ou apoiamos listas distintas á “oficial” non contaremos con presenza no futuro grupo parlamentar e, lembremos, somos perto do 40% da militancia activa participante na citada derradeira asemblea.

Estas listas insisten e reforzan pola súa ordenación -e os previsíbeis corrementos por nomeamentos para cargos gobernamentais- o predominio en máis dun 50% dun partido que representa escasamente o 10% da militancia do BNG e a exclusión de moitas das maneiras de ver o nacionalismo que integran aínda hoxe a nosa organización, a casa común que foi durante moito tempo o Bloque.

Esta escora é resultado do reforzo do carácter partidista e burocrático na toma de decisións no BNG máis propio dun partido clásico que dunha fronte plural na que debe imperar o entendemento, o consenso e o respecto de todo aquelo que suma. Se isto fose só unha batalla máis polo control sería grave, que iso se faga no momento no que o nacionalismo ten que revalidar o seu apoio electoral popular tras a súa primeira experiencia de goberno galego e que require o meirande esforzo de todos, é dunha cativeza de miras especialmente preocupante.

O noso voto NON a estas listas é un voto SI ao BNG como saíu concibido na súa asemblea fundacional, ao BNG do “proxecto común” que tanto proclamábamos ate hai ben pouco.
O Encontro Irmandiño tampouco puido dar o seu apoio a o programa electoral que persiste e acentúa a deriva de renuncia a defender transformacións esenciais para a cidadanía galega; a defensa da soberanía alimentar, o apoio ao sector agro-gandeiro sobre da base da explotación familiar, a creación dunha banca pública galega ou o compromiso de retirada do Plano Acuícola, son exemplos das emendas presentadas polo Encontro e que foron rexeitadas na súa totalidade".

Fonte: http://www.encontroirmandinho.org

No hay comentarios:


 
Elegant de BlogMundi