CANAL DE PRÓXIMOS POLITÓLOGOS

lunes, 16 de junio de 2008

Narcotraficante Galego

Penso que a maioría dos tópicos que adxudican comportamentos determinados aos nacionais dun país, ou á xente dunha rexión, ás razas e aos sexos, son apenas esaxeracións inofensivas que hai que tomar con humor; sen obviar que existen algúns que caen directamente na aldraxe e nas xeneralizacións perigosas (lémbrese o caso recente dos xitanos italianos). A respecto disto, a min, os coñecidos como chistes de gallegos déixanme bastante indiferente, a verdade. Que en series de televisión o acento galego se identifique cos personaxes do cateto ou da chacha, dá máis para un estudo antropolóxico que para molestarse. Si atopo preocupantes notas de prensa da Agencia Tributaria (www.aeat.es), verbigracia: La Agencia Tributaria aprehende 3.600 kilos de cocaína tras asaltar un barco en alta mar. Han sido detenidos sus 15 tripulantes, 12 de ellos venezolanos, 2 españoles (gallegos) y 1 italiano (...). Tendo en conta que outras redáctanse así: Intervenido un velero con más de 6.000 kgs. de hachís a 101 millas de Alicante (...). Han sido detenidos sus cinco tripulantes, dos de ellos españoles, un marroquí y dos mujeres de nacionalidad rusa. Non parece que en ambas a AEAT pretenda precisar a orixe dos narcos españois, algo así como: (para ser más exactos, gallegos). Nese caso, na segunda nota figuraría: (valencianos). Talvez queren dicir: (gallegos, claro), e para a Agencia somos narcos en potencia. Outra interpretación: 2 casi españoles (gallegos), tamén sorprende (narcos galeguistas?, Inspectores separatistas?). Por último, cabe a hipótese de que a AEAT tente evitar a lóxica confusión de colocar na nota únicamente: 2 gallegos, sen máis, (galegos?, de onde son eses?, Centroamérica?). Antes de dirixirme ao seu xornal, pensei en enviar este correo a La Agencia Tributaria, para pedirlles explicacións, pero desconfiei en que me fosen a encerrar por narcotraficante (gallego), ignorarme por independentista, ou deportarme por estranxeiro sen permiso de residencia.



Xoán Álvarez (La Voz de Galicia, 16.06.2008)

No hay comentarios:


 
Elegant de BlogMundi