CANAL DE PRÓXIMOS POLITÓLOGOS

martes, 16 de diciembre de 2008

Dúas linguas

Pasei a fin de semana cos amigos en Allariz. Todos eramos galegos. Uns falaban na lingua da terra, outros en castelán. Ninguén se paraba a traducir, a pensar se debía expresarse noutro idioma, a divagar sobre prexuízos ou sobre se un era máis daquí que outro. Non entendiamos de conflito, de decretos, de imposición nin de marxinación. Para que? Unhas tapas á comida, un paseo polo río, uns viños vendo a vila, a cena con entrecot de boi á pizarra, a noite na casa rural, a visita fugaz ó outro lado da raia. Foi Allariz, pero puido ser Combarro, Noia ou Ribadeo. Rímonos do mundo e de nós mesmos. Esquecémonos da crise económica por unhas horas, da recente subida da hipoteca, dos Leman Brothers, dos últimos datos do paro. Falamos das galescolas, de autovías que non dan chegado, de coches, de noites de copas lonxanas grabadas no disco duro, da infancia, dos nosos nenos, da vida. Detémonos no fondo e non na forma. Disfrutamos do país sen pensar se avogado se escribe con be ou con uve. Nunca me pareceu algo demasiado difícil. Non sei, quizais foi só unha fin de semana na Galicia do mundo real, alonxada de experimentos, debates parlamentarios e plataformas de afectados, a pe de campo, cun pouco de sol na cara e mirando o futuro sen complexos. Bilingüismo harmónico, chamaríao eu: non facer do idioma un problema que non existe alomenos que nós o quieramos crear.

Adrián Rodríguez

Fonte: Diario de Pontevedra, 14.12.2008

No hay comentarios:

 
Elegant de BlogMundi