CANAL DE PRÓXIMOS POLITÓLOGOS

miércoles, 13 de mayo de 2009

Como tú

A estes tipos había que borralos: da memoria e dos mapas. Cuspir sobre a súa tumba, cando morran, e esculpir no inferno unha lápida de espanto. Podes tomar café con eles na barra do bar e gritar no fútbol a mesma consigna. Podes, incluso, votar por un deles para que presida a túa comunidade de veciños. Pero non son coma ti (como tú, piedra pequeña, escribiu León Felipe). Estes tipos cargan coa ignominia gravada na alma. Non son coma ti. Podes levar a cabeza ben alta. Ás veces teño a sensación de que ser home, varón, é case pecado. Sentín algunha vez os ollos terribles dunha muller que mira con odio. E quizá teña razón. Ser home é pecado. Conxúgase en plural e masculino o maltrato, a violencia doméstica, de xénero... hai tantos nomes para o oprobio. Aparecen a miúdo na prensa. Manifestámonos, declaran os políticos, créanse ministerios de igualdade mentres ignoramos a certeza: o problema é o respecto. Quen respecta dende pequeno non leva pistola, non golpea, non mata en nome do Deus dos celos. Dá a volta, como un tipo elegante, e pide ao camareiro unha copa de olvido para limpar as lágrimas. Odio estes tipos que non son coma ti, non teñas medo. Odio as iniciais do seu nome cando aparecen nos noticiarios. Odio o relato exacto dos feitos do día de autos en que o covarde toma a escopeta, a navalla ou o raio para partir a carne ou a seda da muller que o acompaña e que é cadáver. E parece que sangro. Que sangran as miñas mans cando paso a folla para non ler necroloxías: un novo caso de violencia machista en... Non son coma ti, que non te engañen. E que non se engañen as que odian en nome dos canallas a todos os homes. Porque hai homes, en plural e masculino, que portan outra bandeira. Que adoran, aman, choran, danzan a danza da ternura... e escriben poemas de amor que non se borran. Nin da memoria. Nin dos mapas. Como tú, piedra pequeña... como tú.

Xosé Carlos Caneiro

Fonte: La Voz de Galicia, 12.05.2009

No hay comentarios:


 
Elegant de BlogMundi