CANAL DE PRÓXIMOS POLITÓLOGOS

viernes, 15 de mayo de 2009

Nacionalistas

A última asemblea non lles vai axudar moito aos do Bloque a endereitar a desfeita que teñen montada. O desconcerto é moi grande e a división ameaza. Pero poden observarse dúas novidades positivas despois da batalla.

A primeira é que o novo líder é máis mundano e culto que o anterior, e seguramente por iso terá maiores reticencias á hora de poñerse a boina por monteira (a estas alturas do campionato) e facer a política de formas vilegas e clientelistas que ía instalándose, cada día con máis forza, entre os gobernantes do Bloque na Xunta de Galicia.

A segunda é que ten, ou di que ten vontade de facer política de esquerdas. Falta saber que significa iso para Guillerme Vázquez. Se consiste en repetir as consignas vermellas e nacionalistas máis tópicas en artigos mentres fai outra cousa, como Carlos Aymerich, ou se busca renovar o discurso, facelo fresco e afirmar novas tácticas, observando antes de onde vén o vento. Porque nin sopra igual que nos anos setenta nin que nos noventa. De momento centra as balas no PP e ignora o PSOE. E parece que acertará se continúa por aí, porque a estas horas o partido socialista é un conglomerado de pesos pruma en Galicia, máis débil que hai tres meses e vencíbel na batalla diaria pola hexemonía da oposición. Ademais, probabelmente esteamos comezando un cambio de ciclo en España, no que o PSOE perderá moito peso, que en Galicia podería aproveitar o Bloque.

Novidades negativas? Para min todo o demais, sexa novo ou non. Unha tendencia que ten o quince por cento non vai participar na executiva da organización. Un partido leninista que non sabe se é leninista, pero que administra o poder con métodos leninistas, domina a casa. Faise oficial o quintanismo, unha tendencia nacida arredor do poder da Xunta, pola influencia que dá gobernar, cando xa non gobernan. E ademais logra case a metade dos votos, sen que ninguén saiba que futuro desexan, en que sociedade pensan, nin que reformas pretenden. Nin eses nin os demais. Porque falar falan todos, pero documentos solventes e grupos de estudos, nada de nada. E a xente cada vez máis escéptica e lonxe deles.

Xosé Manuel Sarille
Profesor e escritor

Fonte: El Correo Gallego, 12.05.2009

No hay comentarios:


 
Elegant de BlogMundi