CANAL DE PRÓXIMOS POLITÓLOGOS

miércoles, 25 de marzo de 2009

Dimite Roberto Mera, Secretario de Acción Municipal do BNG

Secretario de Acción Municipal do BNG na Executiva en funcións, Roberto Mera (Ponteareas, 1971) abandonará a política activa na Asamblea de maio. E faino con modestia pola posible expectación creada e deixando claro que a súa decisión non está vencellada aos resultados do 1-M.

Tempos que, na súa opinión, deberían ter en conta outros cargos do BNG. Agora toca rematar Dereito, traballar na cooperativa da que forma parte e, se cadra, recuperar a afición musical. No BNG, será un militante máis.


-¿Por que non se queda para facer a travesía completa no BNG, tras a perda da Xunta?
-A miña decisión non está vencellada ao momento político. Non hai relación causa-efecto. É meditada e corresponde a unha concepción persoal que teño da política. Hai moito que levo pensando poñer fin a unha etapa de vinte anos.



- ¿Cre que outros membros do BNG deberían seguir o seu exemplo?
- Xa comentei no Consello Nacional, e non como crítica a ninguén senón máis ben ao contrario, desde o recoñecemento e admiración a moitos referentes históricos do BNG, que sería bo que se introducise unha reflexión como esta no seo da formación, en torno ao tempo de permanencia na primeira liña da actividade política



-¿É final de ruta para os dirixentes históricos?
-En boa medida, dependerá de cada un. O BNG está inmerso nunha reflexión aberta e é bo momento para facelas de carácter individual. Non é bo para unha forza política que os seus dirixentes leven 30 anos, porque se chega a uns niveis perniciosos. Non hai parangón noutras forzas políticas. E dígoo con todos os respectos para moitos destes referentes, recoñecendo que, se o BNG é o que é, é polo traballo destas persoas. Terán, sen dúbida, moito que aportar, pero poden seguir facéndoo dende outros ámbitos. Pode haber persoas que se consideren imprescindibles. A min cústame entender unha persistencia de tal calibre. E non é cuestión de idade, moitas veces acaban interferindo problemas persoais.



-¿Qué lle parece a reaparición de Beiras?
-Para min nunca desapareceu. Insisto, todos, empezando por Beiras, teñen aínda moito que aportar, pero agora é bo momento para que estas persoas que teñen estado nada menos que 30 anos continúen dende outras responsabilidades.


-¿Fala tamén de Francisco Rodríguez?
-Non quero personalizar, nin que se poida malinterpretar, pero estou convencido de que algunhas das dificultades non terían sido tais, e da envergadura que foron, se o pluralismo que representan estas persoas estivese encarnado por outras.


-Falou de problemas persoais...
-Creo que todos deberiamos tomar exemplo do xesto que fixo Quintana, no sentido de que é a primeira vez que alguén, ante un resultado electoral negativo, e a pesar de non o considerar culpable a maioría da militancia, toma a decisión da renuncia e asume o resultado electoral.



- ¿Como ve entón a situación actual? Ve posible que se permita desenvolver unha renovación efectiva na dirección?
- Hai que facer reflexións persoais e as persoas con maiores responsabilidades teñen que pensar honestamente se están na mellor actitude persoal e psicolóxica para facer aportacións construtivas ao proxecto. Cada un debe facer esa reflexión e se chega á conclusión de que está inmerso en procesos de resentimentos ou incompatibilidades persoais, o mellor favor que se lle pode facer ao BNG é apartarse da primeira liña, xa que sobran lugares desde onde poden facer aportacións positivas.



-¿O portavoz que elixa a asemblea será o cartel electoral do BNG?
-O que se elixe unicamente é o portavoz nacional. Nós facemos unha lectura separada. Agora toca o portavoz nacional, que exerza o seu papel e liderado e logo o candidato. Pode ser ou non o cartel.



-¿O BNG ten que converterse en partido?
-É certo que ten habido debate, pero agora non é o substancial, nin resolvería nada.


-Fraga di que Galicia é do PP, que volve ao seu estado natural...
-O nacionalismo ten que facer unha reflexión importante. Un dos seus retos é que ten que coñecer mellor o país.


Fonte: La Voz de Galicia e Diario de Pontevedra, 25.03.2009

No hay comentarios:


 
Elegant de BlogMundi