CANAL DE PRÓXIMOS POLITÓLOGOS

martes, 10 de marzo de 2009

"O Plan Bolonia non só non privatiza, senón que facilita unha oferta formativa de posgrao a prezo público"

A pasada semana os estudantes volveron manifestarse en contra do Plan Bolonia, unhas mobilizacións que Carlos Herrero Latorre (Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo) atribúe á falta de información. "O motivo desas protestas é o descoñecemento. O construír un Espazo Europeo de Educación Superior harmónico ten moitísimas vantaxes, fundamentalmente de mobilidade e de transparencia dos títulos".

-¿A quen é atribuíble ese descoñecemento do plan?
-Que os propios actores -profesores, estudantes e membros da comunidade universitaria- non coñezamos a fondo este proceso é un déficit que nunha parte hai que poñer no debe das Universidades, que teremos que aplicarnos aínda máis en explicar o proceso e en falar das súas bondades e dos seus inconvenientes, que tamén os ten. Hai problemas que haberá que ir resolvendo, pero este é un reto que dende o meu punto de vista non ten volta atrás.

-O alumnado fala de privatización da universidade, ¿que hai de certo?
-Estase facendo unha clara crítica por parte dos alumnos á privatización da universidade, cando eu creo que ocorre todo o contrario. O Plan Bolonia non só non privatiza, senón que facilita a oferta de formación de posgrao -tipo máster- a un prezo público, algo que antes non existía. Equivócanse os que entenden que privatizar é enfocar uns estudos dende un punto de vista máis axeitado para que haxa unha inserción laboral e unha satisfacción do insertado e da empresa que o acolle. Identificar unha cousa con outra é un erro. Os estudos que a Universidade ten que poñer enriba da mesa tamén se teñen que axustar ao mercado laboral e ás necesidades dos empregadores. Non se pode dicir que se está a privatizar a universidade cando a oferta que se fai é unha oferta a prezo público.

No hay comentarios:

 
Elegant de BlogMundi