CANAL DE PRÓXIMOS POLITÓLOGOS

sábado, 18 de octubre de 2008

II Foro de Emprego da USC

O II Foro de Emprego da USC celebrarase os días 11 e 12 de novembro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e o 13 do mesmo mes na de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, organizado conxuntamente polas vicerreitorías de Comunidade Universitaria e Compromiso Social e de Coordinación do Campus de Lugo, a través dos seus Servizos de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE).

Con esta iniciativa, a USC pretende afianzar un punto de encontro entre universitarios que buscan o seu primeiro emprego e empresas que desexan incorporar aos mellores profesionais, creando deste xeito mecanismos que melloren a súa empregabilidade.Os visitantes que acudan ao Foro poderán acudir co seu currículo e falar cara a cara cos responsables de selección de empresas, tendo así unha grande oportunidade de coñecer de primeira man o que as diversas firmas buscan nos candidatos. Paralelamente desenvolveranse presentacións de distintas empresas e entidades participantes.

Na súa anterior edición, participaron nesta cita ao redor de 40 entidades e empresas expositoras e unha ampla resposta por parte dos universitarios. O seu éxito e boa acollida motivou á Universidade compostelá a repetir a experiencia neste ano.

Este foro é unha actividade incluída no Programa de Formación para a Empregabilidade que se vai desenvolver no mes de novembro na USC e que está dirixida a estudantes de últimos cursos e recén titulados. Dentro deste mesmo programa desenvolveranse tamén as xornadas ‘Alternativas Profesionais ao Remate da Carreira’, a celebrar entre os días 18 e 20 de novembro simultaneamente nos dous campus.

Está en trámite a concesión dun crédito de libre configuración para os estudantes dos últimos cursos de todas as titulacións da USC.

En próximas datas estarán dispoñibles a web do foro e o programa das xornadas. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Área de Orientación Laboral no teléfono 981 563 100, extensións 12850 / 12851 ou no enderezo de correo electrónico forodeemprego@usc.es.

No hay comentarios:

 
Elegant de BlogMundi